Thursday 09 de May de 2024

Varios comercios locais contan con decoración feita polas persoas usuarias do obradoiro A creatividade na diversidade


As persoas participantes no obradoiro A creatividade na diversidade procederon a entregar en varios
comercios do municipio duendes do Nadal con que decora-los seus locais e o repartimento continuará nos vindeiros días en máis establecementos. Esta actividade enmárcase no referido taller organizado pola Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, que está dirixido a adolescentes con diversidade funcional co obxectivo de incentiva-las habilidades sociais mediante a creación artística e atendendo a temática propia destas datas.
Tal e como expuxo a edil Amparo Cerecedo (BNG), a día de hoxe, a lectura que se fai deste é "moi positiva", pois, segundo manifestaron as persoas usuarias e o seu contorno familiar, resulta unha experiencia motivadora.
Seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, as clases impártense nas aulas da confraría pobrense os luns, mércores e venres deste mes de decembro, en horario de 16.00 a 19.00 horas.